O Concello de Boqueixón vén de recibir a oferta de formación de dous cursos para a obtención do carné de aplicador de produtos fitosanitarios. Trátase dunha acción formativa que impartirá a empresa Sanea e que se dirixe a mulleres, mozos/as en xeral, mozos/as agricultores/as, persoas desempregadas, persoal de empresa agraria e colectivos en risco de exclusión social. Ambos os dous cursos son gratuítos e están cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e a Consellería do Medio Rural.
O primeiro é o Curso Oficial de Aplicador e Manipulador de Produtos Fitosanitarios. Nivel básico. Impartido en modalidade semipresencial, comprende 16 horas lectivas on line e outras 9 de carácter presencial.
O segundo é o Curso Oficial de Aplicador e Manipulador de Produtos Fitosanitarios. Nivel cualificado. Tamén en modalidade semipresencial, este curso contempla 42 horas formativas on line e 18 de carácter presencial.
As persoas interesadas en asistir a estos cursos deberán poñerse en contacto co Departamento de Formación e Emprego do Concello de Boqueixón (981 513 061) ou chamar aos teléfonos de Sanea (902 905 053 ou 622 771 174). O prazo de inscrición finaliza o vindeiro luns 28 de outubro.
Requírese un grupo mínimo de 15 persoas para poder impartir os cursos en Boqueixón. De non acadar o devandito mínimo, as accións formativas quedarán anuladas.