O Consistorio de Boqueixón acolleu esta mañá unha concentración en sinal de repulsa polo triplo asasinato machista cometido o luns en Valga. Máis dun cento de persoas acudiron a este acto, que estivo presidido polo alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, e que contou tamén coa presenza de representantes tanto do executivo local como da oposición. Non faltaron a esta cita numerosos veciñas e veciños, así como os traballadores e traballadoras municipais.
Estudantes do CPIP Antonio Orza Couto acudiron a esta concentración con pancartas nas que constaba as lendas “Nin unha máis” e “Paremos Xa”. O rexedor boqueixanés procedeu á lectura dun breve manifesto no que amosou a súa máis firme condea a calquera forma de violencia de xénero, facendo especial fincapé no triplo asasinato machista cometido este luns en Valga.
Tras a lectura do manifesto, gardáronse tres minutos de silencio en sinal de protesta por este tipo por este novo crime machista.