Arredor de 150 persoas achegáronse onte ao Pico Sacro para gozaren dunha completa xornada cultural. Literatura e música uníronse nunha fermosa e máxica contorna.
A primeira das citas desenvolveuse coa presentación do libro Calas Blancas, de Emily Rodríguez Santos. A Capela de San Sebastián quedouse cativa para acoller as preto dun cento de persoas que se achegaron para descubrir detalles sobre esta novela. O acto de presentación contou coa presenza do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e máis de José Manuel López, Josele, que tamén ofreceu unha breve actuación.
Ademais de asinar os exemplares que se levaron a esta presentación, a autora anunciou que xa está a traballar nunha nova novela que terá relación co Pico Sacro. O libro Calas Blancas pódese adquirir na Librería Lino, sita en Lestedo.
Peche do Ciclo Camiños Sonoros
A continuación, ofreceuse a sesión final do programa Camiños Sonoros impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo e que contou coa dirección artística de Andrea González. Esta iniciativa ten como principal obxectivo poñer en valor os novos talentos da música da comunidade autónoma a través de distintos concertos que se desenvolven en diferentes enclaves das Rutas Xacobeas.
O rexedor boqueixanés tamén participou na presentación deste último concerto, que contou coa asistencia de arredor de 150 persoas. Estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro Tato. O percorrido musical pola Vía da Prata concluíu coa actuación de dous mozos e unha moza. Martiño Malleiro Díaz deleitou ao público coa súa destreza co acordeón, mentres que Fernando Estévez Rodríguez fixo o propio co clarinete-percusión. Pechou este trío de prodixios Nadia Vázquez Martínez, coa gaita. Unhas actuacións brillantes recompensadas cos aplausos do numeroso público asistente.