Normativa:
Resolución do 2 de xullo de 2019 pola que se convocan, para o ano 2019, as subvencións do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021, correspondentes ás áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas. (DOG nº 130 do 10/7/2019) VI408H
Obxecto:
Financiar actuacións de rehabilitación e renovación de edificios e vivendas situadas nos ámbitos da ARI dos Camiños de Santiago e da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
As actuacións obxecto de financiamento deberán contar coa correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo IGVS.
Persoas ou entidades beneficiarias
No ámbito da ARI dos Camiños de Santiago:
- As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
- As agrupacións de persoas propietarias.
- As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.
No ámbito da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ademais das anteriores, tamén poderán ser persoas beneficiarias:
- As persoas físicas con algún dereito real sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito.
- As persoas titulares dunha concesión sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito.
Requisitos das beneficiarias
- Deberán estar en posesión da correspondente cualificación definitiva da actuación outorgada polo IGVS. Poderán ser beneficiarias desta convocatoria de subvencións do Plan 2018-2021 as persoas e entidades que, estando en posesión da cualificación definitiva da actuación conforme a normativa da prórroga do Plan 2013-2016, non obtivesen as subvencións con anterioridade, salvo nos supostos en que lles for denegada por non cumprir os requisitos exixidos.
- Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou, no suposto das persoas estranxeiras, ter a residencia legal en España.
- Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.
- No caso de que a solicitante sexa unha comunidade ou agrupación de comunidades de propietarios/as ou agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos números anteriores deberán cumprilos todos os seus membros.
Contía
A contía máxima das axudas previstas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, non poderá exceder, de forma individualizada, o 40 % do custo subvencionable da actuación.
No caso de actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva, esta porcentaxe máxima poderá ser do 75 %, se os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria, promotora da actuación e residente na vivenda, son inferiores a tres veces o IPREM. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite na unidade de convivencia da persoa propietaria, promotora da actuación e residente na vivenda que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
O IGVS, con cargo aos seus orzamentos, subvencionará as actuacións nas ARI do Camiño de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, coa contía máxima seguinte:
- Ata 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación e/ou renovación, sen que a subvención poida exceder o 10 % do orzamento protexido de actuación da vivenda ou do edificio.
- Ata 1.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación e/ou renovación, se se adapta á Guía de cores e materiais aprobada pola Xunta de Galicia.
Documentación
Solicitude | Presentación electrónica na sede
- De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe en nome da persoa propietaria única do edificio.
- Anexo II Certificado da persoa que exerza as funcións de secretaría da comunidade de persoas propietarias ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias, en que se recolla tanto o acordo de solicitar a subvención do Programa de rexeneración e renovación urbanas do ARI dos Camiños de Santiago, como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade de persoas propietarias ou a agrupación de comunidades de persoas propietarias (anexo II).
- Anexo III, no caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, en que se relacionen as persoas propietarias das vivendas e locais do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación. Neste anexo cubriranse, de ser o caso, as declaracións de non estar incursos en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
- Anexo IV, de declaración responsable e comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia da persoa solicitante, no caso de actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva.
- Certificado da discapacidade da persoa solicitante ou das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia, de non ser expedido pola Xunta de Galicia.
- No caso de edificios ou vivendas declarados ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, documentación xustificativa destas circunstancias.
Lugar de presentación:
- As comunidades de persoas propietarias, as agrupacións de comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electrónicamente.
- As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou na Xefatura Provincial do IGVS que corresponda por razón da situación da vivenda.
Prazo de solicitude:
Rematará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicado no DOG e, en todo caso, o día 31 de outubro de 2019.
MAIS INFORMACIÓN:
Concello de Boqueixón (981 513 106)