A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou esta semana as liñas de axuda para o acceso á vivenda. O Goberno galego inviste nesta iniciativa un total de 52,96 millóns de euros, dos cales 26,41 se destinan a medidas e programas orientadas á rehabilitación; mentres que a parte restante (26,55 millóns de euros) se reservan para iniciativas que teñen como obxectivo garantir o acceso á vivenda, especialmente nos casos da mocidade e das mulleres vítimas da violencia de xénero ou de explotación sexual.
Xa está aberto o prazo para solicitar unha axuda ao abeiro da primeira orde para a adquisición de vivendas en centros históricos dirixida especificamente ao colectivo de menores de 35 anos, e que está dotada de 800.000 euros; un grupo social que tamén se pode beneficiar das axudas para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes ou das axudas ao alugueiro, aos que se lles abona un 50% da renda durante un período máximo de tres anos. Indicou que a previsión do IGVS é convocar esta liña de incentivos (axudas ao alugueiro) antes de que remate o verán.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou a importancia de estar ao carón das persoas que sofren situacións de especial risco; polo que trasladou a necesidade de que os servizos sociais municipais coñezan os programas específicos para apoiar a estas persoas a iniciar un novo futuro. Lembrou que este ano por primeira vez se convocou unha liña de axudas específica para as mulleres vítimas da violencia de xénero, aos seus fillos, e a vítimas de explotación sexual, dotada con 1,6 millóns de euros. Deste xeito, cada solicitante contará con ata 225 euros ao mes para acceder á vivenda, así como a unha única axuda de 600 euros para facer fronte a gastos de contrato.
Para coñecer máis detalles sobre as liñas de axuda á vivenda abertas, pódese consultar o documento adxunto. Tamén se pode acceder directamente premendo neste enlace.
Adxuntos
- AXUDAS VIVENDA XUNTA 2019 (3 MB)
- AXUDAS VIVENDA XUNTA 2019 (3 MB)
- AXUDAS VIVENDA XUNTA 2019 (3 MB)
- AXUDAS VIVENDA XUNTA 2019 (3 MB)