A Corporación de Boqueixón celebrou onte o seu Pleno de Organización. O alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, deu conta na sesión plenaria de onte do reparto de áreas de goberno. Así, serán sete as áreas que se distribuirán entre os integrantes do executivo local:
- Manuel Fernández Munín, Alcaldía. As áreas propias serían Secretaría municipal, asuntos protocolarios, relacións institucionais, relación coas comunidades residentes no exterior, promoción do Concello, persoal, xestión de obras públicas, ordenación urbanística, coordinación de investimentos en infraestrutura, vivenda e expropiacións.
- Ana María Seijo Mosquera, primeira tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais e Igualdade. Esta concellaría encargarase de atención á terceira idade, persoas con diversidade funcional e colectivos en risco de exclusión, coordinación dos programas de dependencia e cobertura das necesidades sociais básicas, políticas de igualdade social, coordinación do CIM e políticas de igualdade de xénero.
- José Manuel Canabal Vázquez, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Turismo e Desenvolvemento Local. Neste caso, as áreas correspóndense con programas formativos e de desenvolvemento local, promoción e dinamización turística e protección do patrimonio histórico e artístico.
- Marta Magina Copóns Neira, terceira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cultura, Deporte e Xuventude. Neste caso, a edil será a responsable de temas como promoción cultural, políticas de educación e deportes, xestión de axudas, xestión dos locais socioculturais e infraestruturas deportivas, programas e políticas de xuventude e voluntariado.
- Alejandro Bermúdez, concelleiro de Industria, Emprego e Desenvolvemento Económico. As áreas delegadas son parques empresariais, comercio, protección a consumidores, feiras, promoción económica, implantación das novas tecnoloxías e dinamización tecnolóxica, desenvolvemento rural, agricultura, gandería, montes e industrias derivadas destes sectores e concentracións parcelarias.
- José Manuel Iglesias Gómez, concelleiro de Economía e Facenda. Desenvolverá tarefas relacionadas con planificación económica, financeira e tributaria, seguimento da xestión tributaria e orzamentaria, elaboración de plans estratéxicos, patrimonio municipal, atención á cidadanía e coordinación de investimentos nas distintas áreas municipais.
- Jesús Sanjuás Mera, concelleiro de Servizos Xerais, Seguridade, Medio Ambiente, Vías e Obras. As áreas propias desta Concellaría serán o programa de recollida do lixo, mantemento e limpeza de contedores, composteiros e reciclaxe, servizo de limpeza viaria, beirarrúas e áreas recreativas, programa de mantemento de pistas forestais, programa de desbroces, programa de control e supervisión de consumos e subministros eléctricos, revisión de contadores, programa de limpeza e mantemento de edificios públicos (colexio, instituto, centros de saúde, rede de centros socio-culturais, pavillóns polideportivos, ximnasio), programa de fochas cero, xestión do punto limpo, transporte metropolitano, abastecemento e saneamento, protección civil, seguridade cidadá, parques e xardíns, protección ambiental e defensa contra incendios, vías e obras.
Por outra banda, as sesións plenarias ordinarias desenvolveranse o segundo mércores dos meses impares (xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro) ás 20.30 horas.