O ciclo cultural Un mes e Pico do Concello de Boqueixón finalizou a pasada fin de semana cunha completa xornada na Capela de San Sebastián. Unha cita que presidiu o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, quen salientou a boa acollida que tiveron todas as iniciativas desenvolvidas dentro desta proposta cultural. Unha trintena de persoas acudiron ao peche deste ciclo, que ofreceu unha conferencia a cargo da arqueóloga Ana Isabel Filgueiras e un recital de piano protagonizado por Sofía Silva Carbajales.
Baixo o título O Condado de Lupa no territorio Montesagro, Filgueiras, especializada desde hai décadas no legado cultural da tradición oral no noroeste peninsular, explicou como o Condado de Lupa, pagán e cristián a un tempo, falou sobre o amplo patrimonio cultural, histórico e mitolóxico arredor do Pico Sacro e a súa área de influencia relacionándoo con distintos elementos como santuarios e fontes santas, os cenobios e outros elementos.
Tras a conferencia, o novo talento da música de Boqueixón, Sofía Silva Carbajales, ofreceu un completo recital de piano. A moza abraiou a todas as persoas asistentes coa súa destreza ás teclas, poñendo, deste xeito, o broche de ouro a un amplo programa de actividades.