O programa Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea chega ao seu ecuador cunha das actividades más concorridas. A Cerimonia do Lume Sagrado regresará este domingo ás 13.00 horas ao cumio do Pico Sacro da man das tribus celtas de Boqueixón e Callobre encabezadas pola Raíña Alda –cuxo nome significa a máis fermosa– e polo Druída.
Esta actividade, organizada polo Concello boqueixanés e pola Asociación Cultural do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada), comprende a representación da tradición ancestral coa que se daba a benvida ao Solsticio de Verán. Para iso, as tribos celtas farán un encontro na base do cumio do Pico Sacro para despois desprazárense ata a Capela de San Sebastián onde procederán á realización da Cerimonia do Lume Sagrado.
Para iso, o Druída e a Raíña Alda utilizarán unicamente a forza do Astro Rei para acender o Lume Sagrado co que se iluminará a noite de San Xoán. Unha cerimonia na que estarán rodeados polas súas respectivas tribos, compostas por persoas que participan voluntariamente nesta representación.
Nese senso, dende o Concello boqueixanés animan á veciñanza e visitantes a sumarse a esta posta en escena. Dende a organización aportarán a vestimenta e todo o material preciso para a representación. O único que teñen que facer as persoas interesadas é poñerse en contacto co Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 // boqueixonturismo@gmail.com) para formalizar a súa asistencia como figurantes voluntarios.
Roteiro fotográfico
De xeito paralelo, o Concello de Boqueixón en colaboración con Compos Tours e Xaime Cortizo organizan este domingo 16 pola mañá un Roteiro Fotográfico no Pico Sacro. Esta actividade é de balde, previa inscrición no teléfono 678 894 867 ou en compostours@gmail.com // boqueixonturismo@gmail.com.
O punto de encontro será o Centro de Interpretación do Pico Sacro, lugar no que comezará o Taller de Fotografía ás 11.00 horas. Ás 11.45 horas iniciarase a subida guiada ao Pico Sacro. Un percorrido que finalizará coincidindo coa representación da Cerimonia do Lume Sagrado, que lle servirá ás persoas participantes para poñer en práctica todo o aprendido durante a mañá.