O Concello de Boqueixón protagonizou esta mañá unha degustación dos seus produtos en Abanca Semana Verde. A iniciativa, desenvolvida en conxunto cos municipios de Vedra e Vila de Cruces, está incluída dentro da programación desta feira internacional, que se desenvolverá no recinto de Silleda ata este domingo 9 de xuño.
A degustación, desenvolvida no Cooking Corner localizado no pavillón 2, contou coa presenza do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, que estivo acompañado polos seus homónimos en Vedra, Carlos Martínez Carrillo, e en Vila de Cruces, Jesús Otero. Os tres rexedores en funcións encargáronse de explicar ás persoas asistentes as características diferenciadoras dos produtos máis típicos do Val do Ulla. Así, no caso do concello boqueixanés, ofrecéronse arredor de 500 pinchos de filloas e tartas de Lestedo, ademais de queixo elaborado pola Queixería Bo Queixo, localizada no municipio. Pola súa banda, Vedra aportou os viños con D.O. Rías Baixas e Vila de Cruces, empanada e chourizo.
“Con esta actividade pretendemos poñer de manifesto o potencial gastronómico do Val do Ulla en xeral, e do Concello de Boqueixón en particular, nun escaparate promocional único como é a Feira Abanca Semana Verde”, indicou Manuel Fernández Munín. O rexedor lembrou que durante os días da feira, e dentro do Salón Turexpo-Festur, “contamos cun stand no que ofrecemos información sobre os nosos principais lugares de interese turístico, entre os que se atopan o Pico Sacro ou a Ponte Ledesma”.