As instalacións do Forte acollerán este venres 7 de xuño entre as 15.30 e as 20.00 horas a III Festa Fin de Curso das Actividades Deportivas. Esta cita, organizada polo Concello de Boqueixón en colaboración coa APA do CPIP Antonio Orza Couto, ofrecerá distintas actividades para adultos e cativada.
A celebración contará con inchables, xogos deportivos, campionatos de xadrez, fútbol 3×3, merenda para os/as participantes e unha gran festa da espuma final. Ademais, de 16.00 a 17.30 horas ofrecerase unha completa exposición das creacións do alumnado do curso de manualidades.
A media tarde comezarán as exhibicións das distintas escolas deportivas, coa seguinte orde de actuación:
- 17.30 horas: Judo
- 17.45 horas: Patinaxe
- 18.00 horas: Zumba Kids
- 18.30 horas: Multideporte
Pechará o programa de actividades para esta III Festa Fin de curso cunha masterclass de zumba para adultos e cunha gran festa de espuma final.
Dende o Concello animan á veciñanza a acudir a esta cita na que poderán coñecer de preto todo o traballo que se desenvolve nas Escolas Deportivas municipais. A entrada é totalmente gratuíta.