O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de solicitude para as cacharelas da noite de San Xoán. A entrega da documentación correspondente deberase realizar antes do 21 de xuño ás 13.00 horas no rexistro xeral boqueixanés. O modelo de solicitude pódese descargar no arquivo adxunto ou premendo neste enlace.
Dende o Concello concretan unha serie de normas de obrigatorio cumprimento na realización das cacharelas de San Xoán (que tamén se poden consultar no anexo ao documento de solicitude do permiso):
- As persoas, organizacións ou comunidades que desexen realizar unha cacharela, presentarán a solicitude no rexistro do Concello, sinalando o lugar elixido, así como o nome, enderezo e teléfono das persoas responsables da organización ou comunidade, que deberán coidar os arredores.
- O volume combustible da cacharela non sobrepasará os seis metros de perímetro nin os dous de altura.
- A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será, como mínimo de 20 metros. Ademais, deberase poñer especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos e de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.
- Queda prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, etc., e, en xeral, calquera substancia que, ao arder, desprenda fume tóxico.
- En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda cando estean abertos.
- Se a cacharela se realiza sobre terreos de uso público enlousado, as persoas organizadoras encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.
- Ao rematar a cacharela, e antes de abandonar o lugar, as persoas responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e de que a pavimentación se atope no mesmo estado en que estaba antes de iniciarse o lume.
- Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de remata a cacharela e/ou sardiñada.
Adxuntos
- Solicitude cacharelas 2019 (145 kB)
- Solicitude cacharelas 2019 (145 kB)
- Solicitude cacharelas 2019 (145 kB)
- Solicitude cacharelas 2019 (145 kB)