O programa Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea continuará este sábado 8 de xuño a súa programación cunha conferencia de Manuel Gago Mariño. A cita será ás 20.00 horas na Capela de San Sebastián e a entrada é de balde, previa inscrición no Departamento de Turismo (981 513 061 // boqueixonturismo@gmail.com).
Baixo o título O Pico Sacro e as vellas montañas sagradas da Europa Atlántica: Unha historia por construír e comunicar, o doutor en Ciencias da Información pola USC falará sobre o Camiño de Santiago como un espazo cohesionador da cultural europea. Ao mesmo tempo, o xornalista fará fincapé na importancia dos valores europeos históricos ao tempo que salientará a repercusión e potenciación da comunicación multimedia deste patrimonio cultural.
A conferencia de Manuel Gago Mariño tomará o Pico Sacro como referente tamén a cultura xacobea. Ademais, explicará ás persoas asistentes esa función vertebradora dos Camiños de Santiago dende os puntos de vista vital, cultural e histórico.
Breve biografía
Manuel Gago Mariño (Palmeira, Ribeira, 1976) é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, dirixe culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. É editor de Capítulo Cero, un dos blogs referentes da rede galega. Colabora con diferentes columnas e seccións na Radio Galega, La Voz de Galicia, El Progreso e Diario de Pontevedra. É autor de ensaios como Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2012) e libros de ficción como Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia (2014), O anxo negro (2016) e O exército de fume (2018), os tres con Edicións Xerais de Galicia. Como comisario de exposicións culturais, ten coordinado Ao pé do lar. Memorias de Cociña (Fórum Gastronómico / Museo do Pobo Galego), Galicia 100 (Consello da Cultura Galega) e Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia (Consello da Cultura Galega).