O programa Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea continuará a súa andaina este sábado 25 de maio cunha visita teatralizada. A cita terá lugar a partires das 17.30 horas na contorna do Monte Sagrado. A asistencia é de balde, previa inscrición no Departamento de Turismo a través do teléfono 981 513 061 ou enviando un correo electrónico a boqueixonturismo@gmail.com.
Baixo o título A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo, as persoas asistentes realizarán unha viaxe no tempo da man de diversas personaxes. Airas Nunes –que fará de guía-, os discípulos do Apóstolo Santiago –Teodoro e Atanasio- e a Raíña Lupa serán os grandes protagonistas desta representación que tratará a vinculación do Pico Sacro coas lendas xacobeas.
As persoas asistentes realizarán un percorrido guiado por distintos puntos do Pico Sacro –dende o aparcamento ata o propio cumio, pasando pola Capela de San Sebastián ou a rúa da Raíña Lupa-. En cada un deles aparecerán as diversas personaxes que lles contarán a historia sobre como os restos do Apóstolo Santiago lograron chegar a Compostela, logo da conversión da Raíña Lupa, quen o defendeu tras converterse ao cristianismo.
Unha historia de lendas, de batallas, de cultura e tradición xacobeas que se poderán coñecer a través desta representación incluída dentro do programa do ciclo Un mes e Pico, organizado polo Concello de Boqueixón. Trátase, pois, dunha excelente oportunidade para achegarse e gozar dende unha perspectiva amena e diferente do Pico Sacro.