Centos de persoas participaron o pasado domingo no tradicional Desfile de Carrozas do San Cidre, incluído dentro das festas patronais de Oural. Nesta ocasión, foron un total de oito as carrozas que percorreron as rúas de Camporrapado para despois quedar en exposición no campo da festa de Oural.
Unha das principais novidades desta edición do Desfile de Carrozas foi a participación do alumnado da Escola Unitaria de Camporrapado. Por primeira vez, levaron unha carroza en cuxa construción participaron as crianzas, os pais e nais e tamén o profesorado do centro. A creación causou grande expectación entre o numeroso público asistente ao acto central das festas de Oural.