O Concello de Boqueixón vén de ampliar o prazo de inscricións ata o 24 de maio para o Verán Activo e os cursos estivais, dentro dos programas Acción de Verán e Conciliación Activa.
O Verán Activo diríxese a escolares de Educación Infantil e Primaria. As actividades desenvolveranse a última semana de xuño, os meses de xullo e agosto e do 2 ao 10 de setembro nas instalacións do Forte. O horario será de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, con posibilidade de ampliación horaria de 08.00 a 15.00 h. Ofreceranse xincanas, xogos, obradoiros, actividades acuáticas e deportivas. O custo é de 60€/mes; 30 €/quincena, 20 €/xuño e 25 € setembro. O prezo da ampliación horaria é de 20 €/mes, 10 €/quincena e 5 €, no caso de xuño e setembro. En situacións excepcionais e con causa xustificada poderanse solicitar días soltos (4 €/día) ou semanas (15 €/semana). Aplicaranse descontos por segundo/a fillo/a (25%) e terceiro/a fillo/a (50%). As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición, tendo preferencia empadroados/as.
Tamén no mes de xullo ofertaranse os cursos de patinaxe e natación, sumando este ano a incorporación dos obradoiros de debuxo e pintura e de iniciación á hípica. As actividades serán compatibles co Verán Activo, sendo os participantes trasladados ás mesmas (excepto no caso de hípica). O obradoiro de debuxo e pintura terá lugar os luns e mércores de 10.15 a 11.15 h., as sesións de patinaxe martes e xoves de 10.15 a 11.15 h., mentras que as de natación serán luns e mércores ou martes e xoves (días e horarios a determinar). O prezo de cada actividade é de 15 €, agás hípica, a concretar segundo grupo. Debuxo e pintura non inclúe o material.
A ficha de inscrición poderase descargar no arquivo adxunto ou premendo aquí. Deberase entregar no Departamento de Cultura, presencialmente ou enviándoa por correo electrónico a cultura@boqueixon.gal. Boqueixón participa, por vez primeira, no programa de conciliación da Xunta, polo que as persoas admitidas deberán cubrir presencialmente no Concello os anexos correspondentes. Isto realizarase entre o 24 de xuño e o 5 de xullo.
O custo das actividades aboarase na conta de Abanca ES68 2080 0320 2531 10000666. Entregarase o resgardo de pagamento ata 10 días antes do comezo da actividade. De non facelo, procederase á baixa automática.