O Pico Sacro foi de novo o escenario escollido para a saída da Carreira das Letras. Nesta sexta edición, e a pesares da inestabilidade meteorolóxica, foron arredor de 400 persoas, entre maiores e cativada, as que participaron na sexta edición desta cita deportiva.
A saída da Carreira Camiño das Letras foi presidida polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, e polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos. Rodeiro Tato foi o encargado de dar o pistoletazo de saída a unha proba que levou aos corredores e corredoras polos tramos da Vía da Prata ao seu paso polo Concello de Boqueixón para despois continuar cara a Cidade da Cultura. A categoría absoluta implicou un percorrido de 15 quilómetros. Foi precisamente na Cidade da Cultura onde se realizou a entrega de premios aos primeiros participantes de cada categoría. Todos os galardoados recibiron entre outros detalles, diversas publicacións en lingua galega.
A entrega de premios estivo presidida tamén polo alcalde boqueixanés e polo delegado territorial da Xunta de Galicia. Ambos estiveron acompañados pola directora da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e polo presidente da IXP Ternera Gallega, Jesús González Vázquez.
Os gañadores na categoría absoluta 5K masculina foron Pablo Otero Fariña, no primeiro posto; e Juan Carlos Raviña Furelos e Efrén Capelo Vieites, no segundo e terceiro lugar, respectivamente. No caso da sección feminina da categoría 5K, a primeira en chegar á meta foi Esther Pedrosa Carrete, seguida por Kim Emde e Noelia Papín Estévez.
No caso da categoría absoluta masculina 15K, o vencedor foi Sergio Requeijo Requeijo. O segundo posto acadouno Lucas Pouso Vidal e o terceiro, Miguel Iglesias Amores. Na sección feminina desta mesma categoría resultou gañadora Laura Núñez Naveira. Loreto Herrero Blanco foi segunda e Elisabet Cordeiro Blanco, terceira.
Coma galardóns especiais, o CPIP Antonio Orza Couto de Boqueixón recibiu o premio ao centro con meirande número de alumnos e alumnas na Carreira Camiño das Letras. O premio foi entregado Manuel Fernández Munín e Ovidio Rodeiro Tato. O recoñecemento especial o clube máis numeroso foi para o Fontes do Sar.
As clasificacións da Carreira Camiño das Letras pódense consultar a través deste enlace: http://bit.ly/2W7qvsl.