O programa Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea ofrecerá este sábado 18 de maio a primeira das súas tres conferencias sobre a importancia deste enclave na cultura do Camiño de Santiago. A cita terá lugar ás 20.00 horas na Capela de San Sebastián e estará protagonizada por Juan Manuel Monterroso Montero, profesor titular de Historia da Arte e director do departamento de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela.
Baixo o título Monsagro. Textos e imaxes para unha tradición xacobea, Monterroso impartirá unha conferencia cuxo principal obxectivo é resaltar a importancia do patrimonio histórico, lendario e natural dos Camiños de Santiago, ao tempo que se fai unha posta en valor deste patrimonio. O profesor titular de Historia da Arte da USC falará sobre o forte vínculo existente entre o Pico Sacro e a tradición da Raíña Lupa e a translatio do corpo do Apóstolo Santiago.
Por outra banda, tamén explicará detalles sobre a peculiar fisionomía do coñecido tamén como Ilicino ou Monsagro. O perfil afiado deste monte sagrado no territorio do Val do Ulla converteuse na referencia perceptiva no territorio compostelán, rico en referencias visuais e literarias. Unhas apreciacións que se explicarán co apoio de textos e imaxes durante esta primeira sesión do ciclo Un mes e Pico.
A asistencia a esta conferencia é libre e gratuíta. Para participar só hai que inscribirse no Departamento de Turismo a través do enderezo electrónico boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061. Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza a participar nesta interesante actividade que, de seguro, ampliará o seu coñecemento sobre o enclave máis representativo do municipio.