O Concello de Boqueixón desenvolve unha programación especial co gaio do Día das Letras Galegas. Unha mostra, a entrega de premios do Certame Xosé Neira Vilas e propostas que mesturan cultura e deporte centran as iniciativas.
A programación comezou a pasada semana coa apertura na Casa do Concello dunha exposición sobre o autor homenaxeado este ano, Antón Fraguas. Remitida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, esta mostra achega a figura do escritor a través de dez carteis que recollen os fitos máis salientables da súa vida e obra. A exposición estará aberta esta semana e poderase visitar en horario de oficina (de 09.00 a 15.00 horas).
Por outra banda, o xoves 16 de maio ás 12.00 horas celebrarase no auditorio do CPIP Antonio Orza Couto a entrega de galardóns do VI Certame de Relato Curto Xosé Neira Vilas. Serán un total de nove as rapazas e rapaces vencedores (3 por cada categoría) e repartiranse ata 750 euros en premios.
As citas deportivas virán da man de dúas actividades que se celebrarán o propio Día das Letras Galegas. A primeira será a saída da VI Carreira Camiño das Letras que, un ano máis, dará comezo no Pico Sacro ás 10.00 horas.
Xa pola tarde, ás 18.30 horas ofrecerase a Andaina das Letras. Unha proposta que mestura sendeirismo con literatura, xa que se percorrerá un tramo da Ruta dos Pescadores e, ademais, ofreceranse outras actividades como as Palabras vivas: poesía teatralizada e a lectura de relatos premiados no certame Xosé Neira Vilas.