O Concello de Boqueixón formalizará mañá a entrega de novas trampas para a vespa velutina entre a veciñanza. O acto terá lugar mañá ás 20.00 horas na aula de usos múltiples sita na Casa do Concello boqueixanesa.
Cada asistente recibirá un pack gratuíto coa trampa para vespa velutina –con forma de mazá, cunha capacidade de 2,4 litros, ecolóxicas e reutilizables- e mais a dose exacta de líquido atraente que se lle debe botar –de 300 mililitros-. Ademais, persoal de Protección Civil ofrecerá unha charla informativa sobre os perigos e os danos que está a causar a vespa velutina, así como unhas nocións sobre como utilizar as trampas e incluso sobre como crear trampas caseiras.
Esta iniciativa inclúese na campaña especial Axúdanos a loitar contra a velutina que comezou o pasado ano e que comprendeu a entrega de medio cento de trampas. Precisamente o comezo da primavera é a época idónea para colocar estes artiluxios, xa que co inicio da nova estación as raíñas saen do seu letargo invernal para crear os niños.
Co fin de reducir o impacto que esta especie invasora está a ter no municipio, adquiríronse 100 novas trampas para distribuír entre a veciñanza. Por agora, son arredor de 50 as persoas que as solicitaron. Aínda que a entrega se realizará mañá pola tarde, dende o Concello lembran que aínda se poden solicitar as trampas para vespas velutinas de xeito gratuito. Para iso, deberase remitir un e-mail concello@boqueixon.gal ou chamar ao teléfono 981 513 061.