O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude acolleu esta mañá a conmemoración do Día Internacional dos Bosques, organizada por Juntos por los Bosques. Un acto que estivo presidido pola Súa Maxestade o Rei Felipe VI e no que estivo acompañado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro do Medio Rural, José González; o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, e polo alcalde de Boqueixón, entre outros representantes.
A Súa Maxestade o Rei tamén tivo a ocasión de coñecer os traballos selvícolas que se desenvolven neste centro formativo. Precisamente o lema deste ano para conmemorar o Día Internacional dos Bosques é Os bosques e a educación, poñendo, deste xeito, o foco na importancia da formación e da cultura forestal como piares do desenvolvemento forestal do país e o recoñecemento social dos valores asociados aos bosques.
Ademais de realizar un percorrido polo monte experimental de Quián, a Súa Maxestade don Felipe VI tamén tivo ocasión de coñecer e degustar os produtos galegos con indicativo de calidade e orixe. Todos eses produtos que conforman as 35 Experiencias de Calidade da Consellería do Medio Rural. Precisamente varios dos Consellos Reguladores agroalimentarios e o propio AGACAL teñen a súa sé nas instalacións do Pazo de Quián.