Despois da cancelación por mor do temporal, a parroquia boqueixanesa de Sergude retomará este domingo 17 de marzo o seu Entroido. A partires das 18.00 horas haberá entroidadas, comparsas e os tradicionais atranques dos Xeneiras da Ulla. Todo isto nunha carpa totalmente pechada.
Este domingo tamén se desenvolverá o Concurso aos mellores disfraces deste Entroido. O certame establece dúas categorías: unha para grupos de 6 ou máis persoas e outra categoría que inclúe os disfraces individuais e para grupos de menos de 6 persoas. No primeiro caso, establécese un primeiro premio de 250 euros; un segundo, de 150 € e un terceiro, cun lote de produtos. Xa na sección individual e de grupos pequenos, o primeiro premio estará dotado con 150 €, mentres que o segundo quedaría en 75 €, e o terceiro clasificado levaría un lote de produtos.
A xornada festiva na parroquia de Sergude contará coa actuación estelar da orquestra Olympus. Dende a comisión organizadora animan á veciñanza a participar nesta cita e a gozar dunha tarde e dunha velada dos máis entretidas.