As escaleiras ao primeiro andar da Casa do Concello de Boqueixón estrean hoxe os 18 chanzos feministas. Unha iniciativa do CIM de Boqueixón coa que se conmemora o Día Internacional da Muller e que está incluida nunha programación especial que finalizará o vindeiro 5 de abril.
Así, toda persoa que se achegue ao Consistorio poderá ler citas célebres sobre feminismo de persoeiras como Rosalía de Castro, Frida Kalho, Virginia Wolf, Mary Shelley, Gloria Steinem ou Elvira Sastre. Estes 18 chanzos feministas rematan cunha frase do propio CIM de Boqueixón: “As mans para loitar, non para ferir; a fala para acariñar, non para anular”.
Por outra banda, a Casa do Concello acolle dende hoxe a exposición Muller tiñas que ser! Unha mostra organizada polo Departamento de Cultura boqueixanés, que tamén quixo aportar o seu grao de area á hora de visibilizar o papel creador da muller do municipio e darlle, precisamente, un sentido contrario á expresión Muller tiñas que ser! A exposición conta con preto de 30 pinturas de 14 autoras boqueixanesas e marcadas por diversa temática. Esta colección poderase visitar ata o vindeiro 5 de abril en horario de 09.00 a 14.30 horas.
Por outra banda, o CIM tamén editou unha Guía de linguaxe inclusiva do Concello de Boqueixón. Trátase dunha ferramenta coa que se pretende garantir o uso dunha linguaxe inclusiva en todos os procesos que se desenvolvan na administración local.