O Concello de Boqueixón iniciou onte a cuarta edición das súas Xornadas Gastronómicas da Filloa, que se desenvolverán ata este venres 8 de marzo. Os catro establecementos participantes nesta iniciativa ofrecen dende onte deliciosas tapas gourmet de filloa a un prezo de 2 euros. O horario para poder degustalas é de 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 22:30 horas.
Sete propostas están dispoñibles para a clientela. Así, no Bar Restaurante O Imprevisto poderanse probar as súas Filloa imprevisto e Filloa italiana, mentres que no Restaurante Vente Vindo ofrécense as filloas Galemar, Galeterra e Galedoce. Mesturance é o nome da proposta culinaria da Cervexería O Vikingo e no Restaurante Vía da Prata a opción será a Panza Chea.
XXXVI Festa da Filloa de Lestedo
Estas IV Xornadas Gastronómicas da Filloa son o preludio da XXXVI Festa da Filloa de Lestedo. A celebración terá lugar este domingo 10 de marzo, que combinará a degustación de filloas para todos os gustos co tradicional Entroido dos Xenerais da Ulla.