Boqueixón, 26 de febreiro de 2019.- O Concello de Boqueixón celebra a cuarta edición das súas Xornadas Gastronómicas da Filloa a vindeira semana, entre o luns 4 e o venres 8 de marzo. Os establecementos participantes nesta iniciativa ofrecerán filloas con elaboración gourmet tanto á hora do xantar como á da cea, en concreto de 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 22:30 horas.
As xornadas foron presentadas esta mañá na Casa do Concello, nun acto que contou coa presenza do alcalde, Manuel Fernández Munín, o concelleiro de Servizos Xerais, Seguridade e Medio Ambiente, Jesús Sanjuás, e representantes da hostalaría local. O alcalde felicitou aos locais pola calidade das propostas que van ofrecer e anima á poboación a participar.
Quen acuda aos establecementos participantes durante o horario das xornadas poderá degustar exquisitas preparacións coa filloa como base a un prezo de dous euros. Son todas propostas innovadoras e suxerentes que incorporan produtos locais de tempada e de primeira calidade.
Deste xeito, no Bar Restaurante O Imprevisto as especialidades que se servirán son Filloa imprevisto e Filloa italiana, no Restaurante Vente Vindo poderanse degustar as filloas Galemar, Galeterra e Galedoce, na Cervexería O Vikingo a proposta leva por nome Mesturance e no Restaurante Vía da Prata a opción será a Panza Chea.
Preludio da XXXVI Festa da Filloa de Lestedo
Estas IV Xornadas Gastronómicas da Filloa son o preludio da XXXVI Festa da Filloa de Lestedo, que se celebrará o domingo 10 de marzo e que combinará a proposta culinaria coa tradición do entroido dos Xenerais da Ulla.
Ademais, desde o 28 de febreiro ata o 9 de marzo o Centro Comercial Compostela – El Corte Inglés acollerá a súa Semana da Filloa, con degustacións durante eses días entre as 13:00 e as 16:30 horas. E no mercado La Galiciana ofrecerán receitas especiais con filloa durante este venres 1 de marzo.