A XXXVI Festa da Filloa de Lestedo prevé superar as 20.000 persoas durante a xornada do domingo 10 de marzo. Esta celebración declarada Festa de Interese Turístico de Galicia combinará a proposta gastronómica coa tradición do entroido dos xenerais da Ulla, que gozan do mesmo recoñecemento turístico.
A programación foi presentada este mediodía no Hostal dos Reis Católicos de Santiago pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal; o empresario e creador da máquina das filloas, Orlando Vázquez; e a deseñadora, estilista e costureira local Carmen Pichel.
Nava Castro resaltou o esforzo da veciñanza de Lestedo por manter as dúas festas, a da Filloa e a do Entroido, e destacou o atractivo turístico que supón “ofrecer unha gastronomía tradicional de calidade e un entroido tan singular e diferenciado”. A directora de Turismo de Galicia ofreceu a súa colaboración para que a Filloa de Lestedo acade tamén a declaración de Festa de Interés Turístico Nacional, que suporía un importante salto de promoción.
Ovidio Rodeiro recoñeceu o “o entusiasmo e o traballo dos homes e as mulleres de Lestedo, que durante estas máis de tres décadas e media lograron converter esta festa nun dos grandes referentes do entroido galego”. O delegado territorial da Xunta expuxo tamén que a celebración renóvase cada ano “con novas persoas voluntarias que contribúen con novas ideas”. Rodeiro destacou o “importante esforzo de promoción de Turismo de Galicia”.
O alcalde, Manuel Fernández Munín, reafirmou a relevancia da festa para todo o municipio de Boqueixón e agradeceu a colaboración e apoio de entidades e empresas e das administracións supramunicipais para a celebración.
Tanto o presidente da Asociación Cultural da Filloa como o creador da máquina das filloas, con capacidade para elaborar 1.500 por hora, detallaron o programa e a loxística da festa e animaron a participar na degustación. Entre os aspectos novidosos deste ano destacaron a eliminación dos pratos e vasos de plástico, que se reemprazarán por materiais ecolóxicos e de reciclaxe máis doada.
Pola súa parte, Carmen Pichel avanzou as claves dos traxes que lucirán as xeneralas nos Altos do Entroido do Ulla nesa mesma xornada. A estilista de Boqueixón afirmou que os novos deseños son unha mostra de empoderamento feminino e permiten que “por fin este ano as xeneralas poidan participar no entroido vestidas de muller e non disfrazadas de home”. A comodidade e practicidade sen renunciar á beleza tradicional dos traxes van ser as liñas mestras dos deseños, que aínda non se desvelaron e que estes días se ultiman en diversos e discretos ensaios.
O programa da festa
As filloas comezarán a prepararse coas primeiras luces do 10 de marzo. A partir das 12:00 horas poderán degustarse soas pero tamén con acompañamentos como chourizos, panceta, rixóns e, para quen opte polo doce, con mel, nata ou crema.
Tamén a mediodía, a XXXVI Festa da Filloa de Lestedo celebrará a tradicional Parranda de Entroido no Campo da Feira. Media hora despois prevese o IV Gran Desfile de Xenerais da Ulla, no que participarán varias ducias de xenerais, correos e soldados ataviados con traxes da época. O seu percorrido pola parroquia rematará no recinto da festa.
A partir das 13:30 horas a actriz María Mera exercerá como presentadora dos actos, nos que o xornalista Ramón Castro, de Onda Cero Santiago, exercerá como pregoeiro. Como é costume, imporase o Mandil de Honra ao pregoeiro e a outros persoeiros que contribúen ao éxito da festa.
A sesión vermouth e toda a xornada contará coas actuacións dos grupos e charangas Ardora, Raeira, Raiola, Luz do Ilicino e O Recobío. A música terá continuidade pola tarde coa verbena das orquestras Finisterre e París de Noia, que se prolongará entre as 18:30 horas e a medianoite.
Os Altos dos Xenerais do Ulla están programados para as 17:30 horas. Xa están confirmados oito xenerais, que demostrarán o bo humor e a sorna deste entroido tradicional mediante estrofas rimadas que nunca deixan de lado a política, o deporte e calquera tema da actualidade xeral e local.
Xornadas gastronómicas previas
Para a promoción da festa e do produto que máis caracteriza a Lestedo, durante os días previos organízanse tres iniciativas de degustación no Centro Comercial Compostela – El Corte Inglés, no mercado La Galiciana en Santiago e nas xornadas da hostalaría local de Boqueixón.
A Semana da Filloa de El Corte Inglés comezará o 28 de febreiro e chegará ata o 9 de marzo. A clientela deste centro comercial poderá degustar filloas durante esas xornadas entre as 13:00 e as 16:30 horas.
A cita no Mercado La Galiciana será o 1 de marzo. Cada establecemento deste espazo santiagués ofrecerá esa xornada receitas especiais para a ocasión. A organización prepara música e diversas sorpresas para complementar a proposta culinaria.
Nas IV Xornadas Gastronómicas da Filloa de Boqueixón, entre o 4 e o 8 de marzo, varios establecementos locais ofrecerán petiscos e outras elaboracións innovadoras e suxerentes coa filloa como base e coa incorporación de produtos locais de tempada e de primeira calidade.