A parroquia de Sergude ultima xa todos os preparativos para a celebración do seu tradicional Entroido. A cita terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Campo da Festa de Sergude.
As actividades desta xornada festiva comezarán ás 10.00 horas coa saída dende o Campo da Festa dos Correos, Xenerais e Comparsas, que percorrerán toda a parroquia. Estarán acompañados pola música do grupo Son de Gaita.
Xa ás 18.00 horas, nunha carpa pechada, desenvolveranse as Entroidadas e actuación da Orquestra Olympus. No descanso do seu primeiro pase, arredor das 20.00 horas, terán lugar os tradicionais Atranques dos Xenerais da Ulla aos que seguirán as actuacións das diferentes comparsas para despois celebrar o Concurso aos Mellores Difraces. Este certame repartirá máis de 600 euros en premios.
Estos estarán repartidos en dúas categorías: a primeira, para grupos de 6 o máis persoas, e a segunda, para individual ou grupos de menos de 6 persoas. A primeira categoría entregará un premio de 250 € ao grupo gañador, outro de 150 € ao que quede no segundo posto, e un lote de produtos aos terceiros clasificados. Pola súa banda, a segunda categoría conta cun primeiro premio de 150 €, un segundo de 50 € e un lote de produtos para o/a terceiro/a clasificado/a.
A xornada de Entroido na parroquia boqueixanesa de Sergude finalizará cun novo pase da Orquestra Olympus. Dende a organización animan a veciñanza e visitantes a acudir ás actividades previstas para o vindeiro domingo 3 de marzo, co que se dará oficialmente o pistoletazo de saída ao Entroido da Ulla no Concello de Boqueixón.