O Concello de Boqueixón, co apoio de Sogama, reforza o seu programa de compostaxe caseira coa recepción de 50 novos composteiros. Os contedores repartiranse entre a veciñanza que os solicite, polo que, en total, serán 80 os fogares boqueixaneses os que participen nesta iniciativa, toda vez que na primeira fase deste programa se entregaron 30 recipientes ao Concello en anos atrás. Requisito indispensable é que as vivendas sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (xardín ou horto) no que aplicar o compost resultante, pechando desta forma o círculo de aproveitamento da materia orgánica, que regresa ao chan en forma de nutrientes.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, anima á veciñanza “a sumarse a esta nova iniciativa coa que pretendemos reducir a cantidade de basura que remata nos contedores. Con este sistema, ademais, contribuímos a coidar o noso medio ambiente”. Para obter os composteiros, todas as persoas interesadas deberán solicitalos ao Concello. Poderano facer ata o próximo 11 de marzo enviando un correo electrónico a concello@boqueixon.gal ou ben chamando por teléfono ao 981 513 061.
Beneficios
A autocompostaxe constitúe unha práctica con importantes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais. Desde a perspectiva ambiental porque, dado que os restos orgánicos representan, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, ao redor do 42%, se se evita o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propíciase unha redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, por tanto, das emisións de CO2 á atmosfera.
Desde a económica, porque, se o concello entrega menos residuos a Sogama, vese diminuído o importe da factura para pagar a esta empresa pública.
E, desde a social, porque se recupera unha tradición arraigada no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Formación
Sogama xa entregou ao Concello de Boqueixón os 50 novos composteiros, de 350 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables. A fin de que as persoas usuarias coñezan con máis precisión a técnica, educadores especializados ao servizo desta empresa pública serán os encargados de impartir un curso de formación presencial no que se explicará a dinámica a seguir: desde a propia localización do recipiente ata a relación de materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo e o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. O obxectivo último é que os participantes poidan obter un abono natural de calidade e apto para ser aplicado con garantías, e sen restricións, na agricultura.
Así mesmo, recibirán un manual didáctico de apoio no que se describen os pasos para seguir á hora de utilizar o composteiro, clarificando as dúbidas máis comúns e liquidando as incidencias máis frecuentes.
Ademais, Sogama dispón dun sitio web específico www.compostaconsogama.gal, no que os interesados poden acceder a toda a información sobre este programa e recursos de apoio (vídeos e xogos).
A día de hoxe, a Sociedade Galega do Medio Ambiente xa repartiu máis de 9.700 composteiros entre 294 entidades de toda Galicia (concellos, centros educativos e colectivos sociais).