A veciñanza de Boqueixón xa pode percorrer con total seguridade o treito comprendido entre os núcleos de A Susana e A Eirexe grazas á nova senda peonil e ciclista completada pola Xunta de Galicia. O alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, acompañou esta mañá á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e mais ao delegado territorial na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, no seu percorrido por este novo itinerario que discorre polo marxe dereito da estrada AC-960.
“Esta nova infraestrutura vai mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza ao tempo que mellora a súa mobilidade entre A Susana e A Eirexe. Cómpre ter en conta que nos aproximadamente dous quilómetros que separan estes dous núcleos se atopan servizos de interese como o polígono industrial de Sergude e tamén a Escola Unitaria desta parroquia, polo que é punto de paso para numerosos veciños e veciñas”, asegurou Manuel Fernández Munín. Neste senso, o rexedor agradeceu á Xunta de Galicia a creación desta senda peonil e ciclista. A inversión realizada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para este proxecto ascendeu aos 500.000 euros.
Ethel Vázquez indicou que esta actuación, que se enmarca no Plan de Sendas de Galicia en Santiago, está xa á disposición da veciñanza para facilitar os seus desprazamentos cotiás, a pé ou en bicicleta, e que poidan transitar á beira da estrada dun xeito cómodo e seguro. Ademais, a conselleira explicou que os traballos de execución deste itinerario tamén incluíron outras actuacións complementarias, necesarias para garantir o seu uso e a súa funcionalidade. Así, leváronse a cabo tarefas como a reposición e ampliación da drenaxe, instaláronse elementos de sinalización e tamén colocáronse proteccións peonís e sistemas de contención.
Dous treitos
Uns detalles que tamén concretou a técnico Águeda Silva na súa explicación do proxecto ás autoridades. Entre as melloras deste proxecto tamén salientou a redución da curva localizada no entorno do futuro centro sociocomunitario de Sergude, o que permitiu, ademais, optimizar o tránsito de vehículos.
A nova senda peonil abrangue dous treitos. O primeiro une o núcleo de A Susana co polígono industrial de Sergude, polo que nos seus primeiros metros este itinerario transcorre polo termo municipal de Santiago. O segundo treito, desde o parque empresarial continúa ata o lugar de A Eirexe, chegando á altura da Escola Unitaria da parroquia de Sergude.