O Concello de Boqueixón perdeu onte unha das súas figuras de referencia, o ex alcalde José Ramón Corujo Quián, que faleceu aos 87 anos. O actual rexedor, Manuel Fernández Munín, e a Corporación municipal lamentan o seu pasamento e únense á dor dos seus familiares e amigos.
O velorio é na Sala 3 do Tanatorio do Hospital Clínico de Santiago dende onde sairán os restos de José Ramón Corujo Quián mañá venres ás 12.30 horas ata a Igrexa parroquial Divino Salvador de Ledesma. Alí celebraranse os funerais e seguidamente o enterro no cemiterio de dita parroquia.
José Ramón Corujo Quián era natural de Ames, onde naceu o 15 de outubro de 1931. Médico de profesión, trasladou a súa residencia á parroquia boqueixanesa de Ponte Ledesma. Presidiu a Corporación municipal entre o 18 de xaneiro de 1972 e o 3 de abril de 1979, sendo unha figura fundamental na época de transición.
Os seus anos de mandato caracterizáronse pola toma de decisións sempre por unanimidade. De feito, facultóuselle para todas as xestións a realizar. Entre as actuacións máis importantes salientaron o apoio á concentración parcelaria, a mellora das vías de comunicación e a traída de augas.