O Concello de Boqueixón acollerá a próxima semana a exposición itinerante Á Violencia de Xénero dille Non. A mostra poderase visitar no consistorio boqueixanés entre os días 14 e 24 de xaneiro, en horario de 08.00 a 15.00 horas, de luns a venres.
Esta mostra enmárcase dentro das actividades desenvolvidas a través da Rede de entidades locais contra a violencia de Xénero, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Federación galega de Municipios e Provincias de Galicia. O principal obxectivo desta iniciativa é axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas ou nocivas nas súas relacións, poñendo de manifesto a importancia de construír unha sociedade sobre piares como a liberdade, a tolerancia e o respecto.
Estas ideas transmítense a través de 11 paneis nos que se amosan, de xeito gráfico e ilustrado, distintas situacións que reflexan esas condutas sexistas ou nocivas. Dende a Secretaría Xeral de Igualdade concretan que “con esta mostra, queremos previr e sensibilizar. Queremos visibilizar e crear conciencia social. Queremos loitar e non fraquear en contra da violencia de xénero”.
Dende o Concello de Boqueixón animan a toda a veciñanza, especialmente á mocidade, a visitar esta exposición itinerante.