– A Secretaría Xeral de Igualdade, por Resolución do 17 de decembro do 2018 ven de aprobar as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.
A finalidade é proporcionar apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor ou da persoa que mantiver sobre ela relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, e máis tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.
– Tamén se aproban, pola Secretaría Xeral de Igualdade, as bases para a concesión de axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. (Axudas de pago único).
A finalidade é proporcionar apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero e axudas de indemnizacións previstas na Lei galega para facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada polos xulgados e tribunais con sede en Galicia.
Saen publicadas as axudas no DOG número 1, mércores 2 de xaneiro do 2019.
Para maior información, ou consulta poden poñerse en contacto co CIM do Concello de Boqueixón, teléfono 981 513 061 ou a través do seu correo electrónico cim@boqueixon.gal ou ben na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade (http://igualdade.xunta.gal) ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal.