Máis de 400 persoas participaron onte na Tarde de Reis organizada polo Concello de Boqueixón. A cita desenvolveuse a partires das 17.00 horas no pavillón municipal do Forte.
A cativada gozou xogando nos hinchables e tamén participando en obradoiros para toda a familia. O intre máis agardado da tarde foi arredor das 19.00 horas coa visita das Súas Maxestades de Oriente. Acompañados polos seus paxes, Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron ao polideportivo ante os ollos ilusionados dos pequenos e das pequenas.
Recibidos polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e polo concelleiro Alejandro Bermúdez, os Reis Magos ocuparon os seus respectivos tronos onde entregaron distintos agasallos aos cativos e ás cativas de entre 0 e 12 anos. Así, os e as bebés de 0 a 3 anos levaron unha hucha; os pequenos e as pequenas de 4 a 8 anos recibiron un mandilón para pintar, e os rapaces e as rapazas de 9 a 12, unha cantimplora.
Esta xornada, organizada polo Concello de Boqueixón, contou coa colaboración de Gasolineras SBC para o seu desenvolvemento. Precisamente esta empresa realizou sorteos de varios agasallos entre as persoas asistentes á Tarde de Reis. Esta xornada, coa que se puxo fin a unha completa programación de Nadal, concluíu cunha chocolatada.