O Salón de Plenos vén de acoller a entrega dos galardóns da VII Ruta de Tapas ‘Que rico estás Boqueixón’ e do VI Certame de Fotografía ‘Boqueixón en imaxes’. O acto estivo presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín, que estivo tamén acompañado polo presiente do Consello do Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoo.
Na súa intervención, o alcalde salientou a importancia de desenvolver iniciativas participativas como estas, xa que “ademais de dinamizar o territorio, tamén serven para a súa posta en valor. No caso do Certame de Fotografía, do noso patrimonio natural e cultural, e no caso da Ruta das Tapas, do bo facer dos nosos profesionais da hostalería”. Neste senso, animou a profesionais e veciñanza a seguir participando neste tipo de propostas.
En primeiro lugar, entregáronse os premios do VI Certame de Fotografía ‘Imaxes de Boqueixón’. Nesta edición recibíronse un total de 85 propostas, unha cita que bateu todos os récords de participación precedentes.
Manuel Fernández Munín aproveitou a ocasión para realizar a presentación do tradicional calendario co que o Concello de Boqueixón agasalla á veciñanza por Nadal. “Está composto polas 12 imaxes finalistas deste concurso”, asegurou.
As persoas gañadoras foron as seguintes:
- Primeiro Premio: Isaac Pérez Vázquez, pola fotografía titulada Solpor entre néboas, quen recibiu un vale agasallo por valor de 200 €, diploma acreditativo e o calendario do ano 2019.
- Segundo Premio: Alejandro Nieto pola imaxe titulada Raios crepusculares, a quen se lle entregou un vale agasallo por valor de 100 €, diploma acreditativo e o calendario do 2019.
- Terceiro Premio: Fernando Lueiro Balado, pola instantánea titulada Atardecendo coa raíña, que recibiu un vale agasallo por valor de 75 €, diploma acreditativo e o calendario do ano 2019.
Seguidamente, entregáronse os premios e diplomas da VII Ruta de Tapas ‘Que rico estás Boqueixón’, no que participaron tanto o alcalde como o presidente do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, que colaborou no desenvolvemento desta sétima edición do certame. Repartíronse un total de sete galardóns (catro para a hostalería boqueixanesa e tres para o público):
Premios da hostalería
- 1º Premio ‘A mellor tapa de Boqueixón 2018’: Bao na cunca do establecemento Casa de Xantar Casa Castro, que recibiu diploma acreditativo e un lote 5 de destilados galegos con selo de calidade e orixe.
- 2º Premio ‘A mellor tapa de Boqueixón 2018’: Nove reinos, do establecemento Cervexería O Vikingo, que recibiu diploma acreditativo e un lote de 3 Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
- 3º Premio ‘A mellor tapa de Boqueixón 2018’: Xarrete ó mencía con tempura de verduras á augardente, do establecemento Bar Restaurante O Imprevisto, que recibiu diploma acreditativo e un pack de dous Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
- 3º Premio ‘A mellor tapa de Boqueixón 2018’: Mar e terra-Pescadilla á crema do establecemento Bar A Barreira, que recibiu diploma acreditativo e un pack de dous destilados galegos con selo de calidade e orixe.
Premios da clientela:
- Premio de botellas cortesía dos hostaleiros de Boqueixón e un lote de produtos do Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia para Alejandro Bermúdez Devesa. O concelleiro decidíu reconvertir o seu agasallo nun lote de produtos para entregar a unha institución de caridade. Neste caso, a hostalaría fixo entrega dun pack de produtos e dende o Consello Regulador entregaron un Queixo Tetilla e un bote de Mel de Galicia, ambos produtos con indicativo de calidade.
- Premio en metálico de 120 €, aportados polos hostaleiros de Boqueixón, e un lote de destilados galegos con IXP, para Manolo Ferreiro Campos
- Premio dun vale agasallo por valor de 120 €, aportación do Concello de Boqueixón, para canxear por unha comida ou cea nalgún dos establecementos hostaleiros participantes e un lote de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, que se entegou a María Jesús García Castro.