O Consistorio boqueixanés acolleu onte a recepción ás persoas mozas participantes no programa de mobilidade xuvenil transnacional Galeuropa Val do Ulla, integrado polos Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces. A través deste proxecto, desenvolvido a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, unha vintena de mozas e mozos puideron realizar prácticas en empresas de Cork (Irlanda), Sicilia (Italia) e Malta.
A recepción estivo presidida polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e mais polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, e pola subdirectora xeral de Programas para a Xuventude, Yolanda Otero. Tamén asistiron o rexedor de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, e o concelleiro de Xuventude e Voluntariado vedrés, Enrique Vázquez. Todas as persoas participantes neste programa coincidiron en valorar moi positivamente a experiencia, cuxo principal obxectivo é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación.
As prácticas nas distintas empresas, que se adaptaron sempre ao perfil profesional de cada unha das persoas participantes, realizáronse durante tres meses. Ademais das propias prácticas e o seu seguemento, o programa Galeuropa cubríu a manutención, viaxe, seguro, aloxamento e preparación lingüística das mozas e mozos. O requisito para participar no programa Galeuropa é ter entre 18 e 30 anos e estar inscritas no no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (SNGX).