A entrada da casa consistorial de Boqueixón luce xa o seu Photocall pola igualdade, composto dunha vintena de imaxes. Nelas a veciñanza representa o lema desta campaña desenvolvida polo CIM boqueixanés, As mans para loitar, non para ferir, a fala para acariñar, non para anular. Neste mural pódense ver ás distintas persoas participantes amosando as súas mans violetas para amosar o seu apoio na loita pola igualdade entre homes e mulleres.
Dentro das actividades desenvolvidas polo CIM de Boqueixón co gallo do Día Internacional contra a Violencia Xénero atópanse tamén accións de concienciación nos distintos centros educativos do municipio. Comezou esta iniciativa no CPIP Antonio Orza Couto co Obradoiro de Prevención da Violencia en parellas adolescentes, dirixida ao alumnado de 4º de ESO. Un total de 27 mozas e mozos participan nesta iniciativa na que se tratan distintos aspectos sobre a violencia de xénero: dende as características da violencia no noivado adolescente ata as características dunha relación sa e positiva.
No caso do alumnado máis novo, o CIM de Boqueixón iniciou hoxe o Obradoiro de Igualdade: Alén, loita e acariña, nas distintas escolas unitarias do CRA Boqueixón-Vedra. Dirixidas ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, nestas sesións trátase a violencia de xénero e o acoso escolar a través deste conto, buscando que cativas e cativos sexan creadores de relacións sen violencia.
Paralelamente, o propio domingo, os Concellos de Boqueixón, Touro e Vedra participaron nunha homenaxe na honra de Ana Enjamio. Un emotivo acto no que se amosou o apoio á familia da moza boqueixanesa asasinada hai dous anos en Vigo.