O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, presidiu esta mañá a constitución da Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Unha iniciativa encadrada dentro do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Boqueixón (2018-2022) e que tamén inclúe aos municipios de Touro e Vedra, xa que están integrados no Centro de Información á Muller (CIM) boqueixanés.
Nesta sesión tamén participaron a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, ademais da Xefa da unidade contra a violencia sobra a Muller, da Delegación do Goberno na Coruña, Enmanuela Díaz Castro-Rial, e a concelleira boqueixanesa de Servizos Sociais e Igualdade, Ana María Seijo. Tamén se integran neste órgano distintos representantes dos eidos da Educación, Seguridade Cidadá e Sanidade.
“Con este organismo pretendemos optimizar o servizo de atención ás vítimas de violencia de xénero, ademais de coordinar tipo de iniciativas entre os Concello de Boqueixón, Touro e Vedra de cara a sensibilizar a poboación sobre a importancia de loitar contra esta lacra social. Un traballo complexo, pero co que queremos aportar o noso gran de area de cara a conseguir unha sociedade máis igualitaria”, asegurou o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín.
Ademais da propia constitución da Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero, tamén se estableceron os principais obxectivos deste organismo. Entre eles atópase ofrecer unha resposta áxil e unha atención axeitada ás vítimas de Violencia de Xénero, mellorar a protección das vítimas; optimizar a coordinación entre os distintos axentes sociais, e desenvolver campañas de información e sensibilización entre profesionais de distintos eidos e entre a poboación xeral.
Composición Mesa Local
A composición da Mesa Local interinstitucional contra a Violencia de Xénero quedou constituída do seguinte xeito:
- Presidente: alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.
- Secretaría: directora do CIM boqueixanés, Cristina Carbajales.
- Vogais:
- Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade boqueixanesa, Ana María Seijo .
- Psicóloga do CIM, Iolanda Neira.
- Persoal dos servizos sociais de Boqueixón, Touro e Vedra.
- Representante da Garda Civil.
- Representante da Subdelegación do Goberno.
- Representantes dos centros educativos (CPI Antonio Orza Couto; CRA Boqueixón-Vedra Neira Vilas; CPI Plurilingüe de Vedra; CEIP Ortigueira e CPI Fonte Díaz de Touro).
- Representantes dos Centros de Saúde.