O Pleno de Boqueixón dará luz verde na súa sesión ordinaria de hoxe mércores, que terá lugar ás 20.30 horas, á Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Esta iniciativa encádrase dentro do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Boqueixón (2018-2022), que na súa Área 8 contempla a creación de dita Mesa dentro das súas Medidas para impulsar unha rede municipal de protección e de actuación nos casos de denuncias.
“Os Concellos de Touro e Vedra formarán parte desta Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero, toda vez que contan con convenios de colaboración para prestar o servizo do Centro de Información á Muller acreditado en Boqueixón. Entre as súas funcións atópase a de fomentar o principio de igualdade e desenvolver accións para a prevención e eliminación da violencia exercida sobre a muller”, explica a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ana María Seijo.
Este novo organismo terá como principal obxectivo “promover a nivel local actuacións para erradicar a violencia de xénero, así como contribuír á mellora da coordinación entre todas as institucións para tratar de eliminar a violencia machista e ofrecer unha mellor atención ás vítimas”, conclúe a concelleira.
O Pleno de Boqueixón dará tamén luz verde ao organigrama desta Mesa Local contra a Violencia de Xénero. Estará presidida polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, ou o/a concelleiro/a en quen delegue. A Secretaría correrá a cargo da directora do CIM boqueixanés, Cristina Carbajales. Ademais, o novo ente contará con oito vogalías:
- A propia concelleira de Servizos Sociais e Igualdade boqueixanesa;
- Persoal do CIM
- Persoal dos servizos sociais de Boqueixón, Touro e Vedra
- Representante da Garda Civil
- Representante da Subdelegación do Goberno
- Representantes dos centros educativos (CPI Antonio Orza Couto; CRA Boqueixón-Vedra Neira Vilas; CPI Plurilingüe de Vedra; CEIP Ortigueira e CPI Fonte Díaz de Touro)
- Representantes dos Centros de Saúde