O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha o VI Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón. Esta iniciativa ten como principal obxectivo fomentar a creatividade e dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural e etnográfica do municipio.
O certame está aberto ao público en xeral e cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías. A temática das imaxes deberanse tomar no municipio de Boqueixón e centraranse en aspectos como a riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística. O prazo de envío das propostas finalizará o próximo 2 de novembro.
O xurado do VI Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón seleccionará un total de 12 imaxes. Estas utilizaranse para elaborar o calendario do 2019 que edita o Concello.
Ademais, desta escolma inicial sairán as tres instantáneas vencedoras. Os premios entregaranse en forma de vales de compra que se poderán canxear en calquera estabelecemento do municipio boqueixonés. O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros. O fallo do xurado, que será inapelable, darase a coñecer o 21 de novembro.
Inscrición e participación
Segundo se especifica nas bases do certame, a inscrición deberase realizar a través da páxina web municipal www.boqueixon.gal. Cada participante deberá cumprimentar e asinar a folla de inscrición e enviar as fotografías en formato .jpg nun arquivo que leve o nome do título da fotografía, que terá unha resolución mínima de 2000×1500 px.
Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza e amantes da fotografía a participar neste concurso. Agardan que a iniciativa conte cunha boa participación e que axude a poñer en valor os fermosos recunchos e paraxes do municipio.