O Concello de Boqueixón ten xa aberto o prazo de inscrición para as súas Escolas Culturais e Deportivas. Ofértanse unha ducia de propostas dirixidas tanto ao público infantil coma a adultos. Teatro, Pintura, Inglés, Patinaxe, Judo e Xadrez conforman a oferta de actividades do Concello de Boqueixón.
Estas compleméntanse coas sesións da Ocioteca e de Apoio Educativo. Este último é un programa que está dirixido a alumnado de Educación Infantil e Primaria cun rendemento escolar insuficiente e insatisfactorio, que precisen recibir unha axuda pedagóxica extraordinaria co fin de reforzalos na adquisición e automatización de técnicas instrumentais de aprendizaxe como lectura, escritura e cálculo. As sesións desenvolveranse no CPIP Antonio Orza Couto e serán impartidas pola Ruth Gómez, mestra de Educación Especial e Doutora en Pedagoxía Terapéutica.
Unha das novidades deste curso é o programa Madrugadores. Trátase dun novo servizo de conciliación da vida laboral e familiar, dirixido a escolares de Educación Infantil e Primaria. As sesións desenvolveranse nas instalacións do CPIP Antonio Orza Couto. O custo e horario concretaranse segundo o número de solicitudes rexistradas.
Inscricións
As inscricións nas Escolas Culturais e Deportivas do Concello de Boqueixón deberán formalizarse antes do 21 de setembro no Departamento de Cultura (cultura@boqueixon.gal). As fichas de inscrición tanto as de carácter xeral coma as do servizo de Madrugadores pódense descargar nos arquivos adxuntos.
Requírese un grupo mínimo de participantes para iniciar cada unha das actividades. Estas desenvolveranse entre os meses de outubro e xuño.
O custo das sesións varían entre os 10 euros mensuais, nos casos de Teatro, Patinaxe, Xadrez e Pintura (non inclúe o material); os 15 euros ao mes de Judo e a Ocioteca; os 25 € de Inglés I e do programa de Apoio Educativo, e os 40 euros mensuais de Inglés II (adultos).
Dende o Concello ofrécense distinto tipo de descontos para familias. Tamén se realizan rebaixas no prezo se unha mesma persoa se apunta nunha ou máis actividades das Escolas Culturais e Deportivas.