Boqueixón acollerá o próximo venres 27 de xullo un Taller de Observación de Estrelas no que se poderá visionar o eclipse lunar máis longo deste século. Tamén coñecido como Lúa de Sangue de xullo de 2018, este eclipse de lúa durará preto de dúas horas, mentras que o ciclo completo se achegará ás 4 horas.
O Pico Sacro é o lugar para o desenvolvemento desta actividade, que comezará ás 22.00 horas. Será un horario óptimo para visionar o eclipse de lúa, xa que a súa finalización está estimada nas 23.30 horas. O taller será impartido por integrantes do equipo do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC, que está composto por José Ángel Docobo Durántez, Pedro Pablo Campo Díaz, María Brea Mato, José Ramón González Romay e Jorge Gómez Crespo.
A asistencia é gratuíta, mais as prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa. Débese formalizar chamando ao Concello (981 513 061).
As actividades do TodoCosmos foron presentadas onte en Santiago, contando coa presenza do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. O programa desenvolvido polo OARMA conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, que recentemente a recoñeceu como práctica Innovadora en Cultura Científica, e ofrecerá actividades durante este mes e o de agosto nunha vintena de concellos galegos.