O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, participou esta tarde na inauguración da Feira Galiforest Abanca 2018. O acto de apertura oficial foi presidido pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo rexedor boqueixonés; polo delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e mais polo director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.
A cita co sector forestal desenvolverase ata este sábado na parroquia boqueixanesa de Sergude. Na súa intervención, Manuel Fernández Munín salientou a importancia do sector forestal para o conxunto da comunidade autónoma. “Como alcalde dun concello rural, considero indispensable a firme aposta polo sector agroforestal. Contamos cunhas materias primas excelentes, un entorno inigualable e unha capacidade que nos fan competitivos alén das nosas fronteiras”, asegurou.
Galiforest Abanca 2018 conta con máis máis de 250 firmas expositoras, tanto nacionais como internacionais, que se distribuirán nunha superficie de máis de 35.000 metros cadrados. Esta é a quinta edición dunha feira que se está a converter nun referente dentro do sector forestal. A Xunta investiu máis de 100.000 euros para a posta en marcha desta cita.