O Concello de Boqueixón finalizará mañá o seu programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro cunha sesión moi especial na Capela de San Sebastián. Para a ocasión, ofrecerase unha conferencia e un recital musical en directo.
Así, ás 20.00 horas, dará comezo a charla de Xosé Manuel Lobato, presidente da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Baixo o título De mouros, oestrinios, romanos e outros, realizará un percorrido polos distintos mitos e lendas que se relacionan co Pico Sacro.
Unha vez finalizada esta sesión, a instrumentista Silvia Carbajales ofrecerá un breve recital de piano. Neste caso, interpretará dúas pezas: Para Elisa, de Beethoven, e Nuvole Bianche, de Ludovico Einaudi.
Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza a sumarse a este peche do programa Un mes e Pico. A asistencia a esta actividade é totalmente libre.