A Ocioteca municipal de Boqueixón pechou o pasado venres as súas actividades para este ano cun animado festival de fin de curso. Nel participaron as 26 rapazas e rapaces de entre 4 e 12 anos que acudiron ás diferentes sesións que se desenvolveron durante este curso.
O festival desenvolveuse nas instalacións da Casa da Cultura de Camporrapado. As persoas asistentes a esta celebración puideron ver a representación teatral titulada O toloxornal¸ que foi representada pola cativada da Ocioteca municipal. Ademais, os máis pequenos e pequenas tamén puxeron en escena un vistoso baile baixo o nome A divertirse!
Con esta celebración, a Ocioteca municipal deu por finalizadas as actividades de conciliación familiar e laboral desenvolvidas durante este ano. As propostas de lecer ofertadas desenvolvéronse todos os venres en horario de 16.00 a 20.00 horas. Xogos, manualidades, xincanas, teatro e coreografías de baile centraron grande parte das actividades desenvolvidas entre outubro e xuño.
A apertura de inscricións para o próximo curso realizarase no mes de setembro. Este programa de conciliación familiar está impulsado polo Departamento de Educación e Cultura do Concello de Boqueixón e un total de 20 familias do municipio beneficiáronse del.