O Concello de Boqueixón outorgou 37 permisos para a realización de cacharelas de San Xoán para a noite de mañá. Deste total, só 4 están organizadas por asociacións, mentres que o resto son de carácter privado.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, lembra “a importancia de cumprir coas normas básicas de prevención e seguridade. Así, garantirase a correcta celebración desta máxica noite de San Xoán”.
Nos impresos de petición dos permisos para realizar as cacharelas de San Xoán establecéronse unha serie de medidas a cumprir por todas as persoas solicitantes. Entre elas, atópanse as seguintes:
- O volume de combustible da cacharela non sobrepasará os seis metros de perímetro nin os dous de altura.
- A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será, como mínimo, de vinte metros.
- Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, etc., e en xeral, calquera substancia que ó arder desprenda fume tóxico.
- En ningún caso se botará ó lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda cando estean baleiros.
- No suposto de que a cacharela se realice sobre terreos de uso público enlousado, deberase protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.
- Ó rematar a cacharela e antes de abandonar o lugar, as persoas responsables coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e a pavimentación quede no mesmo estado en que se atopaba antes de iniciar a cacharela.
- Será obrigatoria a Iimpeza do espazo autorizado ó remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematada a cacharela e/ou sardiñada.