Compostela acollerá mañá, día 22 de xuño, pola noite a Ofrenda do Lume Sagrado. O Concello de Boqueixón organiza, en colaboración co Concello de Santiago e da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre de A Estrada, esta representación na cidade dentro do programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro.
A Carballeira de Santa Susana (na Alameda compostelá) será o punto de encontro das tribus celtas de Boqueixón e Callobre. Dende aquí sairá o desfile ás 22.00 horas e realizarase un percorrido polas rúas do casco histórico. Máis concretamente, cruzarán por Porta Faxeira cára a Rúa do Vilar, para despois continuar pola Rúas de Xelmírez e da Conga. Unha vez na Praza de Feixóo seguirán o desfile pola Rúas do Preguntoiro, Cinco Rúas, do Castro e pola Praza da Universidade. O percorrido finalizará na Praza de Mazarelos arredor das 22.30 horas. Alí a Raíña Alda protagonizará a alegoría da Ofrenda do Lume Sagrado.
Dende o Concello de Boqueixón animan a veciñanza e visitantes a participaren nesta cita.