Preto de 70 persoas participaron o pasado sábado pola mañá na xornada do programa Goza do Ulla celebrada no Concello de Boqueixón. A iniciativa rexistrou un grande éxito de acollida por parte do público que descubriu parte do amplo patrimonio natural, cultural e histórico do municipio boqueixanés.
O percorrido deu comezo en Ponte Ledesma, unha parroquia que conta cun importante núcleo etnográfico, composto pola Ponte romana, as Ínsuas de Gres e a Igrexa Divino Salvador. Dende este punto iniciouse o roteiro dos Pescadores que levou aos participantes por un tramo da Rede Natura 2000, espazo natural protexido.
Durante aproximadamente dúas horas –completando un percorrido de case 10 quilómetros- os asistentes puideron visitar varios muíños restaurados a pé de roteiro, ademais de fermosos saltos de auga coma as fervenzas de Donas e a de San Paio, en Codeso. Precisamente esta última parroquia foi o punto de finalización do percorrido do Goza do Ulla.
Sobre o programa Goza do Ulla
O programa Goza do Ulla comezou no ano 2011 coa participación de cinco concellos e desde entón a iniciativa medrou ata contar neste 2018 cun total de 20 municipios de tres provincias polos que discorre este río. Estes son A Estrada, Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Boqueixón, Catoira, Dodro, Monterroso, Padrón, Palas de Rei, Pontecesures, Rianxo, Santiso, Silleda, Teo, Touro, Valga, Vedra, Vila de Cruces e Vilagarcía.
A primeira das actividades dará comezo no concello de Monterroso o sábado 26 de maio. Desenvolverase en diversas fins de semana rematando o día 28 de outubro.