Medio cento de persoas participaron onte na IV Andaina de Maiores do Concello de Boqueixón, esgotando todas as prazas dispoñibles para a actividade. Esta xornada pon o broche final á programación anual de Ximnasia de Mantemento das Escolas Deportivas municipais.
O percorrido levou este ano aos participantes á Illa de Arousa, onde completaron unha andaina de sete quilómetros pola Ruta do Faro. Os asistentes gozaron, deste xeito, dunha xornada de encontro e deporte ao aire libre, ao tempo que corroboraron a utilidade das clases de ximnasia de mantemento nas que participaron durante todo este curso.
As distintas sesións de ximnasia de mantemento desenvólvense en sete grupos distribuídos por distintas parroquias e que contan cunha excelente acollida entre a veciñanza. O seu principal obxectivo é, tal e como indican dende o Departamento de Deportes, “o fomento da actividade física e de loita contra o sedentarismo na procura dunha vida máis activa que permita conservar a saúde e gozar de maior benestar e autonomía persoal”.