Preto de cen persoas participaron onte na visita teatralizada ao Pico Sacro. Esta actividade, que rexistrou un grande éxito de acollida, inclúese dentro do programa Un mes e Pico, Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade de Pico Sacro, que ofrecerá propostas de diferente tipo durante todas as fins de semana ata o 29 de xuño.
Baixo o título A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo, esta visita teatralizada ofreceu unha singular representación por distintos puntos deste Monte Sagrado. A esta cita acudiron o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, e mais a concelleira de Cultura boqueixonesa, Mari Botana.
O actor Suso Martínez encarnou á personaxe de Atanasio, discípulo do Apóstolo Santiago, quen relatou aos asistentes as aventuras e desventuras polas que tivo que pasar nos seus distintos encontros coa Raíña Lupa, encarnada pola actriz Belén Espiñeira. Esta última tamén resucitou para amosar o seu relato dos feitos ante os espectadores.
A actividade serviu tamén para que os asistentes percorresen dun xeito diferente o cumio do Pico Sacro. O punto de partida foi o inicio da subida á Capela de San Sebastián, lugar no que se apareceu por primeira vez a Raíña Lupa.
O itinerario continuou na Rúa da Raíña Lupa onde tivo lugar a segunda aparición para despois continuar cara un dos puntos máis altos do Pico Sacro. Neste espazo mesturáronse as lendas contadas por Atanasio coas espectaculares vistas de toda a bisbarra que se poden apreciar dende este lugar.
A visita teatralizada rematou fronte á Capela de San Sebastián. Alí os participantes asistiron á conversión da Raíña Lupa ao Cristianismo. Un intre histórico que deu por concluída a actividade entre os aplausos dos asistentes.
Romaría do Pico
Durante a mañá de onte, o Monte Sagrado acolleu tamén a tradicional Romaría do Pico de Maio. Misas na Capela de San Sebastián, actuacións musicais e almorzo de confraternidade centraron a celebración.
Próximas actividades
O programa Un mes e Pico continuará este sábado 2 de xuño coa proxección do audiovisual Raíña Lupa. A actividade dará comezo ás 19.00 horas na Capela de San Sebastián, no Pico Sacro.
Xa para a seguinte fin de semana resérvase a conferencia de Rafael Quintía, que terá lugar o sábado 9 de xuño ás 20.00 horas na Capela de San Sebastián. O antropólogo profesional, escritor, documentalista e investigador falará sobre O mito dos mouros e da Moura e a súa relación co Pico Sacro.