07/06/2018
O programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro continúa este sábado 9 de xuño a súa andaina cunha conferencia na Capela de San Sebastián. Rafael Quintía –antropólogo profesional, escritor, documentalista e investigador- protagonizará a charla titulada O mito dos mouros e da Moura e a súa relación co Pico Sacro, que terá lugar ás 20.00 horas.
Segundo explica o propio Rafael Quintía, “nesta conferencia, faremos un percorrido polo significado e polos elementos máis característicos do mito dos mouros e da Moura galega. Falaremos da diferenza entre ambos os dous mitos, da función destes relatos, da súa orixe, das xeografías nas que se desenvolven e porémolos en relación coa rica mitoloxía que atesoura o Pico Sacro”.
A asistencia a esta actividade é totalmente gratuíta. Por cuestións de organización, as persoas interesadas en acudir á conferencia deberán formalizar a súa inscrición no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061) ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com.
Perfil de Rafael Quintía Pereira
Antropólogo, economista, escritor e documentalista; investigador, formador e divulgador nos campos da antropoloxía e da historia de Galicia, as súas liñas de investigación céntranse, fundamentalmente, no patrimonio inmaterial. Os resultados do seu traballo de investigación nos eidos da antropoloxía e da historia víronse reflectidos na publicación de 12 libros, na realización de 8 documentais e en múltiples artigos e colaboracións. O seu labor investigador foi galardoado con catro premios de investigación e ensaio: Premio Ferro Couselo de Investigación (2017), Premio Ramón Piñeiro de Ensaio (2016), Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) e Premio de investigación Luís Cuadrado (2010).
Alén do seu traballo de investigación, formación e divulgación, ten participado como técnico en numerosos proxectos de posta en valor do patrimonio. Como antropólogo participou tamén en varias escavacións e campañas arqueolóxicas. É presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e vicepresidente da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (AGANTRO).
04/06/2018
O programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro continuou a súa andaina o pasado sábado coa proxección dun audiovisual na Capela de San Sebastián. Foron arredor de 50 as persoas que quixeron ver a estrea deste documental dirixido por Rafael Quintía. Tamén acudíu a esta estrea Valentín García Bóveda, do departamento de producción.
A actividade estivo presidida polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, quen valorou moi positivamente o traballo realizado. “Este documental axúdanos a comprender mellor o mito da Raíña Lupa e da translación do Apóstolo Santiago, que tamén teñen como lugar de referencia este Monte Sagrado no que agora nos atopamos”, afirmou.
Ao finalizar a proxección do documental ofreceuse unha breve degustación da cervexa Nasa para todos os asistentes.
Próximas actividades
O Pico Sacro é o eixo condutor do programa Un mes e Pico, que se desenvolverá ata o próximo 29 de xuño. Para este sábado 9 ofrecerase unha conferencia de Rafael Quintía na Capela de San Sebastián ás 20.00 horas. O antropólogo profesional, escritor, documentalista e investigador falará sobre O mito dos mouros e da Moura e a súa relación co Pico Sacro.
28/05/2018
Preto de cen persoas participaron onte na visita teatralizada ao Pico Sacro. Esta actividade, que rexistrou un grande éxito de acollida, inclúese dentro do programa Un mes e Pico, Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade de Pico Sacro, que ofrecerá propostas de diferente tipo durante todas as fins de semana ata o 29 de xuño.
Baixo o título A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo, esta visita teatralizada ofreceu unha singular representación por distintos puntos deste Monte Sagrado. A esta cita acudiron o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, e mais a concelleira de Cultura boqueixonesa, Mari Botana.
O actor Suso Martínez encarnou á personaxe de Atanasio, discípulo do Apóstolo Santiago, quen relatou aos asistentes as aventuras e desventuras polas que tivo que pasar nos seus distintos encontros coa Raíña Lupa, encarnada pola actriz Belén Espiñeira. Esta última tamén resucitou para amosar o seu relato dos feitos ante os espectadores.
A actividade serviu tamén para que os asistentes percorresen dun xeito diferente o cumio do Pico Sacro. O punto de partida foi o inicio da subida á Capela de San Sebastián, lugar no que se apareceu por primeira vez a Raíña Lupa.
O itinerario continuou na Rúa da Raíña Lupa onde tivo lugar a segunda aparición para despois continuar cara un dos puntos máis altos do Pico Sacro. Neste espazo mesturáronse as lendas contadas por Atanasio coas espectaculares vistas de toda a bisbarra que se poden apreciar dende este lugar.
A visita teatralizada rematou fronte á Capela de San Sebastián. Alí os participantes asistiron á conversión da Raíña Lupa ao Cristianismo. Un intre histórico que deu por concluída a actividade entre os aplausos dos asistentes.
Romaría do Pico
Durante a mañá de onte, o Monte Sagrado acolleu tamén a tradicional Romaría do Pico de Maio. Misas na Capela de San Sebastián, actuacións musicais e almorzo de confraternidade centraron a celebración.
Próximas actividades
O programa Un mes e Pico continuará este sábado 2 de xuño coa proxección do audiovisual Raíña Lupa. A actividade dará comezo ás 19.00 horas na Capela de San Sebastián, no Pico Sacro.
Xa para a seguinte fin de semana resérvase a conferencia de Rafael Quintía, que terá lugar o sábado 9 de xuño ás 20.00 horas na Capela de San Sebastián. O antropólogo profesional, escritor, documentalista e investigador falará sobre O mito dos mouros e da Moura e a súa relación co Pico Sacro.
25/05/2018
O programa Un mes e Pico, Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro –que se estenderán ata o 29 de xuño- iniciará as súas actividades esta fin de semana. O domingo 27 de maio ofrecerase unha xornada na que se mesturarán tradición, lendas e cultura.
Pola mañá celebrarase a tradicional Romaría do Pico, organizada pola comisión de festas de A Granxa en colaboración co Concello de Boqueixón. Haberá misas na Capela de San Sebastián dende as 10.00 ata as 13.00 horas. A música correrá a cargo do grupo de gaitas Pena do Corvo. Tamén haberá servizo de pulpeiro do Carballiño e postos de doces típicos.
O prato forte desta xornada do coñecido como Pico de Maio chegará pola tarde, a partires das 17.30 horas coa visita teatralizada titulada A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo. Para esta actividade xa están inscritas preto dun cento de persoas interesadas en descubrir dun xeito diferente as lendas en torno ao Pico Sacro.
Os actores Suso Martínez e Belén Espiñeira serán os protagonistas desta actividade na que representarán ao discípulo do Apóstolo, Atanasio, e á Raíña Lupa. Atanasio relatará a historia da Translatio recollida no Libro III do Códice Calixtino, Liber de translatione corporis sancti Jacobi ad Compostellam, rematando coa conversión ao Cristianismo da Raíña Lupa por Atanasio ante a gruta Este do Pico Sacro. Un percorrido no que non faltarán as sorpresas.
O alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, anima á veciñanza e visitantes a achegarse este domingo 27 ao cumio do Pico Sacro para gozar desta iniciativa. “Será un percorrido diferente que permitirá achegar aos participantes máis detalles sobre a lenda da Raíña Lupa e sobre a mitoloxía en torno a este enclave único”, conclúe.
19/05/2018
O Concello de Boqueixón pon en marcha unha iniciativa pioneira que ten como principal obxectivo poñer en valor o chamado Monte Sagrado. O alcalde, Manuel Fernández Munín; o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro Tato; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os concelleiros de Cultura, Mari Botana, e de Turismo, Alejandro Bermúdez, e a escritora e autora da saga Dragal, Elena Gallego Abad, presentaron esta mañá o programa Un mes e Pico, Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro.
Esta iniciativa propón actividades gratuítas durante todas as fins de semana ata o día 29 de xuño. En verbas do rexedor, Manuel Fernández Munín, “ofreceranse propostas do máis variado: dende un obradoiro de observación de estrelas ata representacións coma a Cerimonia do Lume Sagrado, pasando por visitas teatralizadas, recitais musicais e conferencias de diverso tipo. Unha ampla programación coa que queremos dar a coñecer toda a historia, mitoloxía e lendas en torno ao Pico Sacro, que tan vinculado está coa tradición xacobea”. O alcalde agradeceu “o apoio amosado dende a Xunta de Galicia para a posta en marcha desta iniciativa coa que agardamos continuar nos vindeiros anos”.
Pola súa banda, Elena Gallego Abad felicitou ao Concello por desenvolver “esta novidosa iniciativa en torno a un dos indiscutibles lugares máxicos de Galicia”. A escritora lembrou a presenza do Pico Sacro na súa saga literaria e adiantou que para a quinta edición do seu Dragal incorporaranse outras lendas relacionadas con Alejandro Magno e os mitos armenios dos homes dragón.
Dende a Secretaría Xeral de Igualdade, Valentín García afirmou que “este ciclo é un paso necesario para que o Pico Sacro sexa escenario para todo tipo de actos e que teña autoridade para proxectar o mito xacobeo”. Ao mesmo tempo, lembrou a importancia deste enclave, “que é o centro tectónico de Galicia e que marca o horizonte para indicarnos onde está o Apóstolo Santiago”. Por iso, agardou que dende o Concello de Boqueixón se sigan desenvolvendo iniciativas deste tipo para “reforzar o labor de promoción deste Monte Sagrado”.
Nesta mesma liña tamén se pronunciou Ovidio Rodeiro, quen felicitou ao Concello de Boqueixón “por seguir sumando novas medidas de posta en valor deste Pico Sacro”. Lembrou, ademais, que se están a desenvolver outro tipo de proxectos como o recentemente galardoado co Premio Parabéns e que prevé diversas accións para mellorar “o que Castelao chamaba o altar de Galicia”.
Programa completo
O ciclo Un mes e Pico ofrece unha decena de actividades, que comezaron esta mesma semana coa instalación da mostra O Pico Sacro no Códice Calixtino, “que xa se pode visitar na Casa do Concello”, tal e como indicou Manuel Fernández Munín. “Esta mostra poderase visitar de balde ata o próximo 29 de xuño”, detallou o rexedor boqueixonés.
A seguinte cita será o 27 de maio pola mañá coa tradicional Romería do Pico de Maio. Ese mesmo día, ás 17.30 horas, Suso Martínez e Belén Espiñeira ofrecerán no Pico Sacro a visita teatralizada titulada A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo.
O día 2 de xuño presentarase na Capela de San Sebastián o audiovisual Raíña Lupa. Esta actividade desenvolverase a partires das 19.00 horas.
Sete días máis tarde, o antropólogo, escritor, documentalista e investigador, Rafael Quintía, ofrecerá a conferencia O mito dos mouros e da Moura e a súa relación co Pico Sacro. Terá lugar o 9 de xuño ás 20.00 horas na Capela de San Sebastián.
Contando coa colaboración do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller, ofrecerase o día 16 de xuño ás 23.00 horas un Taller de Observación de Estrelas. Ao día seguinte, ás 13.00 horas, terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado, tamén no Pico Sacro.
Esta representación trasladarase a Santiago de Compostela o día 22 de xuño ás 22.30 horas coa Ofrenda do Lume Sagrado. A comitiva da Raíña celta Alda sairá da Alameda compostelá para dirixirse, atravesando o casco histórico, á Praza de Mazarelos onde se realizará esta cerimonia.
Ao día seguinte, ás 20.00 horas, abriranse as portas da Capela de San Sebastián para todas aquelas persoas que queiran participar na Entrega do Lume Sagrado. Poderán tamén recoller cadanseu lume para prender despois as súas fogueiras na máxica noite de San Xoán.
O ciclo Un mes e Pico finalizará nesta mesma capela coa conferencia de Xosé Manuel Lobato titulada De mouros, oestrinios, romanos e outros e un recital de piano a cargo de Sofía Silva Carbajales. Esta última cita terá lugar o día 29 de xuño ás 20.00 horas.
Todas as actividades son de balde, previa inscrición no Departamento de Turismo. Poderanse realizar a través do teléfono 981 513 061 ou do e-mail boqueixonturismo@gmail.com.
Pódese consultar o programa completo premendo neste enlace.
Adxuntos
- Díptico (443 kB)
- Díptico (443 kB)
- Díptico (443 kB)
- Díptico (443 kB)
- CARTEL un mes e Pico_IMP (4 MB)
- CARTEL un mes e Pico_IMP (4 MB)
- CARTEL un mes e Pico_IMP (4 MB)
- CARTEL un mes e Pico_IMP (4 MB)