O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, asistiu esta mañá a unha reunión co arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio. Entre os temas que se trataron neste encontro, de carácter moi cordial, destacou a ampliación da cesión da Casa Reitoral de Lestedo.
“Este inmoble acolle actualmente o Centro de Interpretación do Pico Sacro e xa é un lugar de referencia para a veciñanza e visitantes do noso municipio”, indicou o rexedor. A cesión da Casa Reitoral concluirá proximamente, polo que dende o Concello de Boqueixón solicitaron unha ampliación deste tempo de cesión para que o edificio continúe como espazo museístico e de uso social.
Neste senso, Fernández Munín lembrou que dende o ano 1998, data na que iniciou o período de cesión, se realizaron varias inversións para a restauración do edificio, musealización e habilitación de espazos culturais. Unhas actuacións ás que cómpre unir o próximo proxecto de rehabilitación que se desenvolverá a través de plan de posta en valor do Pico Sacro e a súa contorna e que foi galardoado co Premio Galicia Parabéns. En total investíronse arredor de 400.000 euros en actuacións no inmoble.
Dende o Arcebispado compostelán, monseñor Barrio amosouse dacordo con ampliar a cesión da Casa Reitoral de Lestedo e nas próximas datas procederase á sinatura do convenio correspondente. Ademais, falou sobre a posibilidade de poñer en marcha outro tipo de colaboracións para a cesión doutros inmobles para que se proceda á súa restauración e destinalos a uso cultural e social.